A veda da centola porá fin a unha campaña marcada polo incremento das capturas

BARBANZA> A campaña da centola afronta esta semana a súa recta final. O balance, a tres días do inicio da veda, é do máis satisfactorio cun índice de descargas que triplica o do pasado ano. O vindeiro dezasete de xuño arranca  a veda da centola que se prolongará ata mediados de novembro. Precisamente as datas de peche e apertura volveron a ser motivo de discordia entre as distintas confrarías posto que moitos pósitos demandan unha veda máis longa para favorecer a revalorización do produto. A pesar das discrepancias en torno ó periodo de veda, a campaña da centola pecha con récord de capturas acadando os cento vinte mil quilos descargados nas lonxas da comarca do Barbanza, tres veces máis que a pasada campaña. A escaseza de polbo favoreceu este incremento das capturas posto que moitos profesionais optaron por dedicarse exclusivamente á centola. As lonxas de Ribeira e Muros lideraron o ránking de vendas.