Muros aproba o POS pero rexeita a solicitude dun crédito

posico100.jpgMUROS> Tras quedar en suspenso a pasada semana, finalmente saíu adiante o POS do concello de Muros. Menos acordo houbo na solicitude dun crédito ICO.

{flowplayer}barbanza/posmuros.flv{/flowplayer}

Na xunta de voceiros celebrada este luns imperou o consenso permitindo dar o visto ás obras do POS aprobado esta mañá en sesión extraordinaria. O primeiro dos proxectos, orzamentado en máis de noventa e dous mil euros será a construción dun muro de contención no campo de fútbol de Miraflores. O executivo comprometeuse a darlle continuidade nun futuro coa mellora dos vestiarios. A outra das actuacións será o acondicionamento do acceso á granxa de orella de mar na parroquia de Tal, cun presuposto de sesenta mil euros. O resto da achega provincial, ó redor de noventa mil euros destinarase a gasto corrente.

Obra descartada

Finalmente, non se incluirá neste plan a construción do viveiro de empresas, inicialmente contemplado na proposta da alcaldía. Segundo os grupos da oposición, o proxecto do actual executivo incrementaba en máis de douscentos mil euros o inicial por incluír modificacións que suporían un impedimento á hora de optar á subvención concedida polo Ministerio de Industria. Ademais, a necesidade de agardar á aprobación da axuda por parte da Deputación impediría o cumprimento dos prazos.

Pola contra, dende a alcaldía sosteñen que era posible conquerir as subvencións mediante unha prórroga nos prazos. Sen embargo, din, que o voto desfavorable da oposición motivou a perda da achega do Ministerio.

Rexeitamento crédito

{flowplayer}barbanza/creditoicomuros.flv{/flowplayer}

O de esta mañá non foi o único pleno desta semana no concello de Muros que onte mesmo celebraba outra sesión extraordinaria para a aprobación da solicitude dun crédito ICO destinado ó pago da débeda ós acredores. A proposta foi rexeitada pola negativa de BNG e PP a endebedar máis as arcas municipais cando din, quedou demostrado que teñen liquidez.

O feito de que na proposta inicial, a alcaldía contemplase a aportación de fondos propios por máis de douscentos mil euros para o proxecto do viveiro de empresa, é para os grupos da oposición a proba de que o concello non está nunha situación económica límite como ten insinuado a alcaldesa. Coinciden ademais en acusar ó actual executivo de malgastar os fondos públicos coa contratación de dous asesores para o departamento de urbanismo que lle custan ás arcas municipais máis de cinco mil euros ó mes.

Dende a alcaldía defenden a contratación de destes dous técnicos ante a necesidade de persoal especializado na área de urbanismo.

Insiste ademais en que a actitude da oposición, impedindo a solicitude dese crédito por valor de cento setenta mil euros, vai ter como principal prexudicadas ás familias dos provedores que non poderán cobras as contías adebedadas pola administración municipal.

Redacción Barbanza