O renovado Belén de Valga abrirá as súas portas este domingo

VALGA> O Belén de Valga abrirá as súas portas este domingo. O nacemento, composto por máis de 4.600 figuras, viviu este ano unha fonda renovación. A composición artística foi visitada no pasado Nadal por unhas 42.000 persoas.

É un dos Beléns máis célebres de Galicia e neste Nadal volve coas enerxías renovadas. O Nacemento Artesanal en Movemento de Valga foi obxecto este ano dunha intensa renovación, mantendo o seu espírito.

A composición artística estará formada por máis de 4.600 figuras, repartidas nunha superficie de 400 metros cadrados. Hai novos edificios e novas escenas, como sempre, pegadas á actualidade informativa local, galega e estatal dos últimos meses.

Ademais, haberá tamén novidades no exterior do local: acometéronse tarefas de acondicionamento da contorna e unha mellora estética do xardín.

Con todo a punto, o Belén abrirá as súas portas este mesmo domingo. Vaise inaugurar ás 5 e media da tarde. Con entrada de balde, poderase visitar entre semana de 5 e media a 8 e media, os sábados de 5 a 8 e media e os domingos e festivos entre as 12 e as 2 e de 5 a 8 e media. No pasado Nadal, por este local de Campaña pasaron unhas 42.000 persoas.