Lalín pasa por ser unha auténtica final para o Sanxenxo

SALNÉS> Derradeira xornada do ano e a última tamén da primeira volta. O Vilalonga xoga na casa ante o Estradense mentres que o Sanxenxo visita o campo do Lalín.

Cunha victoria o Vilalonga marcharíase de vacacións cos deberes feitos. Serían 26 os puntos que sumarían os celestes, unha cifra que de repetir na segunda volta, lles daría de seguro a salvación.

Este domingo terán enfronte a un Estradense que non chega no seu mellor momento. Os problemas económicos da entidade están a repercutir no rendemento dos xogadores, ós que se lles debe xa tres mensualidades. Aínda que a situación semella que vai mellorar, o certo é que sobre o terreo de xogo os da Baiuca levan cinco xornadas sen gañar e cada vez están máis preto dos postos de descenso. Un rival propicio para o Vilalonga que das oito veces que o recibíu en San Pedro venceu en seis delas. O gran perigo do Estradense son os seus dianteiros, experimentados e de calidade, como Changui, Unai e Adao. No apartado de baixas, no cadro local, Jesu non poderá xogar ó estar sancionado cun partido, por acumulación de amarelos.

Moitas máis son as baixas que ten que soportar o Sanxenxo esta semana. Tralo partido do Pontevedra son tres os xogadores que viron o quinto amarelo e que se perderán o importante choque de Lalín: Jorge Segura, Bolo e o capitán Diego Blanco. Baixo mínimos os de Calucho terán que sacar o mellor de si mesmos para superar unha verdadeira final este domingo, unha final sobre todo no aspecto psicolóxico. Traxectorias paralelas entre ambos conxuntos: o Lalín ascendeu coma eles o ano pasado e tamén está a sufrir e moito nesta primeira volta. Un equipo que ten tres puntos máis que o Sanxenxo e que a semana pasada venceu en Betanzos tras 12 xornadas sen facelo. Antóllase clave porque de perder os Baltar de Arriba xa non só se afastarían un pouco máis da salvación, senón que verían o penúltimo clasificado a seis puntos.

Redacción Salnés