O Noia aférrase á salvación

NOIA> Os noieses venceron ó Bergantiños por un gol a cero, cun tanto de Alex Blanco de penalti. O mal tempo e o mal estado do terreo de xogo condicionou moito o partido disputado onte á mañá no municipal de San Lázaro. Os dous equipos tiveron que apelar máis ó plano físico e deixar de lado o aspecto combinativo do xogo. Con estes condicionantes o Noia saiu gañando. Fíxoo grazas a un tanto de penalti convertido por Alex Blanco na primeira metade, no minuto dezaoito, que estivo tamén rodeado de polémica. Os xogadores visitantes protestaron moito esta decisión ó considerar que as mans se produciran fóra da área. Neste primeiro tempo os noieses levaron un pouco máis a iniciativa no xogo, con algunha que outra chegada pero sen demasiado perigo na área visitante. Na segunda metade as tornas cambiaron e o Bergantiños veuse arriba na busca do empate. Na saída dun corner a piques estiveron de conseguilo, pero o remate de Alex Padrón non traspasou a liña de gol despois de ser repelido polo longueiro. Dani a piques de rematar o partido volvía a poñer o medo nas bancadas, aínda que o seu tiro foise por pouco da meta defendida por Toledo. Os tres puntos conseguidos saben a gloria para o conxunto de Yago Iglesias na súa loita por evitar o descenso. Aínda así seguen en postos de descenso directo. Son décimo oitavos con 25 puntos. Na próxima xornada desprazarase a terras ourensás para xogar contra o Barco. Peor as cousas para o Boiro que caía en Barraña por un gol a dous ante o Choco. A derrota descolga da cabeza da clasificación ós de José Luís Lemos que agora se ven superados polo Cerceda, novo líder con 48 puntos, e o propio Choco, 46 que xa supera os boirenses. Aínda así o Boiro continúa nos postos de privilexio. É terceiro con 45. Na próxima xornada enfrontaranse ó Silva.