O condenado polo asasinato de Mari Luz Posse pide un indulto ó Goberno

    MAIZ.jpg PONTEVEDRA> O ex Garda Civil de Cambados leva cumprido pouco máis de un ano e medio da condena a 19 anos por asasinato.

    O ex Garda Civil de Cambados Jaime Maiz, condenado a 19 anos de prisión por asasinar á súa ex parella Mari Luz Posse, solicita o seu indulto ó novo Goberno español. A Audiencia Provincial de Pontevedra vén de comunicar esta petición tanto ós familiares da vítima coma ó Ministerio Fiscal mediante a correspondente providencia e xa dou por iniciados os trámites para causar este procedemento. Agora será o consello de Ministros o que se teña que pronunciar ó respecto aínda que cabe recurso de súplica por parte da familia, e de feito, o avogado dos Posse, Laureano Barreiro, pensa facelo para intentar frear o proceso.

    Ó parecer, o ex Garda Civil ampárase na súa folla de servizo para alegar que durante os anos nos que exerceu como axente nunca tivo ningunha falta grave nin matara a ninguén. Como cabía agardar, a familia de Mari Luz acolleu a nova con sorpresa. Consideran que a petición de indulto é ‘unha tomadura de pelo’, máis cando o condenado leva arredor de ano e medio na cadea dos 19 ós que o condenaron por un delito de asasinato. Ademais, o avogado da familia asegura, en declaracións ós medios de comunicación, que aínda non pagou as indemnizacións que lles debe ós familiares porque o declararon insolvente, mentres destina cartos a pagar a un letrado para cursar a solicitude de indulto.

    Redacción Salnés