José López Rivas preparado para o inicio do Dakar

SANXENXO> O piloto lucense afincado en Sanxenxo volve a esta competición despois dun ano de ausencia grazas ó patrocinio de Marineda City. O obxectivo volve a ser rematar a proba.

Non hai quinto malo ou iso debe ser o que pensa José López Rivas que tras catro tentativas fallidas busca rematar por primeira vez o Dakar. A falta de medios en comparación con outros equipos unhas veces e o infortunio noutras ocasións impedíronlle chegar á meta.

Coa mente posta nese único obxectivo o lucense chegaba onte a Arxentina co resto do seu equipo. Aterrou en Bos Aires para desprazarse logo ata Mar del Plata, onde dará comezo o 1 de xaneiro o raid máis duro do mundo, que atravesará nesta edición Arxentina, Chile e Perú, con chegada na súa capital Lima o día 15.

Entre medias, 10.000 quilómetros con etapas interminables, entre elas, as máis duras, atravesando o deserto de Atacama.

López Rivas quedouse ás portas de rematar a proba en 2010. Na novena etapa, cando xa superara o máis difícil, unha rotura na caixa de cambios, facíalle abandonar. No 2011, a falta de presuposto debido ó escaso apoio das institucións e tamén á ausencia dun patrociandor privado potente, impedíanlle participar.

Agora volve neste 2012, a mandos de novo dun Mitsubishi L-200. Durante estes días previos pasará as verificacións técnicas e administrativas e prepararase para afrontar a primeira etapa pasado mañá, de 820 quilómetros, entre Mar del Plata e Santa Rosa de la Pampa, unha corta especial de 57 quilómetros e outros 763 de enlaces.

Redacción Salnés