![]()
VILAGARCÍA> Desde o colectivo esixen que a xustiza actúe con menos arbitrariedade á hora de outorgar estes permisos.
A Fundación Galega contra o narcotráfico considera un ‘auténtico despropósito’ a concesión do terceiro grao penitenciario ó narcotraficante Laureano Oubiña. A nova, que coñeciamos onte, caeu como unha xerra de auga fría entre os colectivos que loitan contra o tráfico de drogas na comarca do Salnés. Segundo a entidade, o feito de que Oubiña poida estar de novo na rúa supón un risco para a seguridade cidadá, ó sumarse esta circunstancia á excarceración o ano pasado de Manuel Charlín Gama e os permisos recentemente concedidos a Josefa Charlín e Sito Miñanco.
Desde a Fundación Galega contra o Narcotráfico din que non ten sentido anticipar a liberdade a un dos principais capos do narcotráfico en España cando aínda ten pendentes de pago multas millonarias e con dous procedementos pendentes por branqueo de capitais polos que se solicitan penas de catorce anos de cadea.
O colectivo considera moi grave que a decisión de concederlle o terceiro grao se tomar en contra do criterio da Fiscalía Antidroga e do propio centro penitenciario no que cumpre condena, e reclama que se remate coa arbitrariedade na concesión deste tipo de permisos.
Redacción Salnés







