Alex Mañas vaise a Austria e alónxase do Arosa

VILAGARCÍA> O Arosa ten varios frentes abertos nos últimos días. Entre eles a máis que probable marcha de Álex Mañas ó fútbol austríaco. Sería unha baixa sensible nos esquemas de Lino González polo que o club xa anda na procura dun reforzo para a parcela ofensiva.

Alex Mañas abandonou onte Vilagarcía rumbo Palma de Mallorca de onde viaxará ata Viena nas próximas horas. O extremeño trasládase a Austria coa esperanza de poder atopar un oco no fútbol austríaco, na segunda división.

Foise do Arosa sen a carta de liberdade pero coa intención de acadala nos vindeiros días, do contrario non podería xogar. No tira e afrouxa entre xogador e club, ten todas as de gañar Mañas, xa que so está unido ó Arosa mediante unha ficha federativa, non a través de ningún contrato. A directiva de Manuel Abalo dá por perdido ó extremeño, pero desexa recibir algunha contraprestación económica a cambio.

Sen Mañas a situación do Arosa continúa a complicarse. Semella case unha milagre que un plantel tan curto de efectivos lidere a Preferente Sur. Comezaron 19 xogadores en verán. Fóronse Sayar, Borja, Iñaki e agora Álex Mañas, se ben chegou Diego Silva, que o pasado domingo disputou os seus primeiros minutos co equipo. A estes problemas hai que sumarlles as baixas xa de longa duración de Vichi, Miguelín, Liños e Vixo. O equipo vaise completando con xogadores subidos dende o xuvenil se ben tan só Eloy e Santi semellan dar o nivel que exixe unha categoría como a Preferente.

Por iso a directiva traballa na procura de un ou dous xogadores de ataque para reforzar o equipo. Non será nada sinxelo porque tamén hai moitos clubes de Terceira que buscan dianteiro.

As boas novas para o Arosa chegan dende a parcela económica, xa que o club rematou de pagar a débeda que tiña con Facenda en conceptos de impagos de IVE entre 1999 e 2003. A directiva de Abalo saldou en ano e medio algo máis dos 20.000 euros pendientes, dun montante total que ascendía ata os 66.000 euros.

Redacción Salnés