Condena por branqueo a Guillermo Abalo e familia

    branqueoabalo.jpg PONTEVEDRA> A Audiencia Provincial establece para el e a súa muller cinco anos de cadea, un e medio para os seus pais, e multas millonarias para todos eles.

    Nin o premio da lotería que intentaron alegar en xuízo, nin o traballo esforzado de moitos anos, nin a cuantiosa indemnización supostamente percibida polos danos sufridos na catástrofe do Prestige. Os maxistrados da sección cuarta da Audiencia de Pontevedra Antonio Berengua, Nélida Cid e Cristina Navares consideran probado que tódolos bens que adquiriu o matrimonio formado por Guillermo Abalo e Mercedes Iglesias entre os anos 1999 e 2007 mercáronse con cartos procedentes do tráfico de drogas. E a lista que detallan na sentenza é ampla. Tres fincas rústicas no Grove, unha en Cabeza de Manzaneda, varias en Vilagarcía nas que ademais se levantaron vivendas, ata catro embarcacións de recreo a nome de Abalo e un BMW. Bens todos eles valorados en 1.160.000 euros, máis un capital acumulado de 90.149 euros durante os oito anos que a Axencia Tributaria estivo investigando á familia.

    No razoamento tense en conta o feito de que Abalo contaba xa con antecedentes: fora condenado pola Audiencia de Zaragoza a oito anos de cadea por vender tres quilos de cocaína. No tocante á súa muller, sinalan que en todo momento foi coñecedora da procedencia dos cartos cos que se adquirían os bens, ó igual que os pais do acusado. A eles considéranos culpables dun delito continuado de branqueo de capitais por imprudencia grave. E é que, segundo as maxistradas, sabendo dos antecedentes do seu fillo, consentiron que tanto el como a súa dona construísen varias edificacións en fincas que eran da súa propiedade para logo transmitirllas á nora.

    Non admitiron o argumento da defensa de que o delito imputado ós pais de Abalo prescribira porque a transmisión das fincas se producira había máis de dez anos. No caso de delitos continuados, razoan as xuízas, a prescrición comeza a contar a partir do último acto delituoso continuado, e este producírase había escasamente un ano. Ademais de que a referida imputación se basea na construción dos edificios, e non na adquisición das fincas.

    Por todo isto condenan ó matrimonio formado por Guillermo Abalo e Mercedes Iglesias a tres anos de cadea e unha multa de tres millóns de euros para cada un, ademais da inhabilitación do dereito de sufraxio pasivo durante o tempo da pena e o pago da cuarta parte das costas xudiciais. No caso de non poder afrontar a multa deberán botar seis meses máis en prisión. Os pais tamén quedan condenados cada un a un ano e medio de cárcere e unha multa de 1.130.000 euros cada un ou dous meses máis de cadea no caso de non poder pagala. Tamén terán que cubrir a cuarta parte das costas.

    Redacción Salnés