O BNG demanda máis seguridade na contorna do novo parque de Castiñeiras

    RIBEIRA> O BNG de Ribeira solicita a adopción de medidas de seguridade na contorna do novo parque infantil da Punta do Castro. Ademais da instalación dunha beirarrúa para a mellora do acceso ás instalacións demandan o balado dun desnivel existente entre a zona recreativa e o edificio de usos portuarios. A través dunha moción que veñen de rexistrar no concello, os nacionalistas de Ribeira demandan máis seguridade no recentemente construido parque de Castiñeiras. Botan en falta unha beirarrúa no acceso á área recreativa. Pero aínda máis grave é, segundo os nacionalistas, a existencia dun desnivel entre a explanada e a zona portuaria que supón un grave risco de caídas e accidentes. Demandan dende o BNG a instalación dun balado ou outro elemento de seguridade. Recollendo as demandas da oposición, o concello vén de informar que acometerá unha pasarela de madeira e unha beirarrúa no treito entre o porto e a área de lecer. Xa realizaron as xestións oportunas con Portos de Galicia, titular da zona obxecto da actuación, para poder acometer as obras antes do verán.