Boiro prevé repetir este curso co proxecto educativo En(clave)

BOIRO> O alcalde, José Ramón Romero, e a edil de Educación, María Outeiral, aproveitaron a súa visita ó CEIP de Escarabote para anunciar a súa intención de repetir este curso escolar co proxecto En(clave), atendendo á propia solicitude dos centros educativos do municipio.

Trátase dun programa que ten coma finalidade traballar sobre accións relacionadas coa igualdade de xénero e a resolución de conflitos en diferentes áreas, como poden ser a educación e a prevención ou a saúde e o benestar.

Durante a visita tiveron tempo tamén de supervisar as obras de mantemento xeral levadas a cabo no colexio antes do inicio do curso, entre as que se atopaban o pintado das aulas, diversos arranxos no patio e na zona de xogos ou a mellora dos accesos ó centro, entre outras.

Dende a dirección agradeceron as obras realizadas e a boa disposición mostrada dende o Concello.

O Concello ten previsto acometer tamén proximamente a mellora dun camiño de acceso ó centro educativo que une o colexio co núcleo de Escarabote e polo que transitan numerosos alumnos que asisten ó centro.

A actuación conta cun investimento de algo máis de 13 mil euros, financiado con cargo ó remanente de tesourería de 2021.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí