Louzán e Olano revisan o trazado das etapas pontevedresas

RIBADUMIA> O Director Técnico da Volta Ciclista a España Abraham Olano, visitou esta mañá o Salnés. Con el estivo ó Presidente provincial Rafael Louzán, ultimando detalles do paso da rolda ciclista polas Rías Baixas. Hoxe tocou revisar o trazado da etapa contrarreloxo entre Cambados e Pontevedra.

{flowplayer}images/salnes/volta_080212.flv{/flowplayer} 

Continúa o traballo conxunto entre dirección técnica da Volta Ciclista a España e a Deputación de Pontevedra. Son tres as etapas que pasarán pola provincia e moitos os detalles que se deben axustar. Abraham Olano e Rafael Louzán fixeron hoxe un percorrido polo trazado da contrarreloxo que sairá da cambadesa praza de Fefiñáns e chegará a Pontevedra. O gran problema atopárono no paso previsto polo Mosteiro de Poio, que obrigaría a pechar a estrada autonómica sete horas, polo que manexan outras opcións, como entrar por Campañó. O certo é que por tratarse da única contrarreloxo da Volta e polo perfil que ten, será unha das etapas máis importantes da competición.

Ademais desta, estanse a ultimar detalles sobre o resto de etapas con paso pola provincia de Pontevedra. A chegada a Sanxenxo será na Avenida de Baltar. Nesta tirada pasarase finalmente polo Grove, tanto polo casco urbano como por San Vicente, dando volta no Instituto das Bizocas. Un novo concello que se suma a case outros 30 que verán o paso da Volta.

Na zona do interior Moraña tamén vivirá o paso da Volta polo seu casco urbano. Será na etapa con saída de Vilagarcía, que será dada dende a zona portuaria, como confirmou o propio Olano tras unhas conversas mantidas onte co alcalde Tomás Fole.

Redacción Salnés