As dornas volven á competición no V Trofeo Fasquía

fasquia250_280509.jpgILLA> A Asociación Cultural Deportiva Fasquía presentou a que será a primeira regata de dornas a vela puntuable para o Trofeo Galicia. O Trofeo Fasquía é a proba máis prestixiosa de cantas se disputan nesta competición e terá lugar o vindeiro sábado 6 de xuño.

O Presidente da Asociación Fasquía, Santiago Mougán, presentou esta mañá no Salón de plenos do concello da Illa o V Trofeo Fasquía de Dornas a Vela, acompañado polo alcalde Manuel Vázquez e o por Uxío Allo, representante da Federación para a Cultura Marítima e Fluvial.

Trátase da primeira proba puntuable para o Trofeo Galicia, que contará tamén na Illa coa regata do Bao,e ás que se lles sumará a do Grove dos Faros e a do Albariño en Cambados. Pese as dificultades que se atoparon este ano no aspecto económico, a proba volve a saír adiante, continuando así o traballo de recuperación das embarcacións tradicionais como a dorna. A regata celebrarase o sábado 6 de xuño.

Terá a súa saída e chegada no porto do Xufre e contará cun percorrido total de oito millas a navegar nun triángulo que irá dende o Xufre ata o faro do Xeixo e de ahí ata a boia de delimitación dos polígonos das bateas.

Haberá que dar dúas voltas a ese percorrido. A embarcación local de A Cariñosa defenderá o título ante unhas 40 dornas chegadas dende diferentes puntos das Rías Baixas.

Redacción Salnés