![]()
MUROS> Avecíñanse tempos convulsos en Muros ante a posibilidade dun pacto entre BNG e PP para afastar da alcaldía á socialista, Caridad González.
{flowplayer}barbanza/posiblemocioncensuramuros.flv{/flowplayer}
A sombra dunha moción de censura planea sobre o goberno de Caridad González dende que tomara posesión como alcaldesa de Muros. O grupo socialista goberna en minoría con sete edís xa que o PP, con catro, e o BNG, con tres, non foron quen de chegar a un acordo para formar goberno tralas eleccións municipais.
Sen embargo, nunca se pechou a porta a un futuro pacto para afastar á rexedora socialista do goberno; pacto que trala asemblea local do BNG de Muros celebrada esta fin de semana semella máis preto.
Decisión aprazada
Aínda que se valorou a posibilidade dunha moción de censura, a voceira nacionalista explicou que aprazarán a súa decisión ata mediados de marzo. Polo de agora aclaran que non mantiveron conversas co grupo popular.
Pola súa banda, os populares están abertos ó diálogo con tódolos grupos políticos e, explican que no caso de recibir unha proposta do BNG habería que sentarse a estudar os detalles do acordo antes de tomar unha decisión, que debería someterse tamén á aprobación da dirección provincial.
Polo que respecta ó grupo de goberno, tampouco recibiron comunicación algunha por parte dos grupos da oposición, cos que están dispostos a dialogar. A alcaldesa non se amosa sorprendida ante a posibilidade dunha posible moción de censura posto que acusa ós nacionalistas de querer desestabilizar o goberno.
‘Xestión nefasta’
Á espera de que uns ou outros dean un paso adiante, no que si coinciden PP e BNG é en cualificar de nefasta a xestión do actual goberno nestes meses nos que, din, o único que se fixo é endebedar ó concello.
Redacción Barbanza






