SALNÉS> Os regatistas do Liceo Casino foron terceiros na Copa do Rey de 49er e adxudicáronse unha medalla de bronce que lles sabe a pouco.
Rematou a disputa da Copa do Rey en clase 49er, competición na que estaban inmersos os irmáns Carlos e Antón Paz. Os vilagarciáns non van regresar demasiado contentos despois dos catro días de probas en augas andaluzas.
Nas últimas dúas mangas que disputaron sumaron un posto 12 e un 9, resultados que non lles serviron para mellorar a súa posición. Foron oitavos na xeral final da Carnaval Race, unha clasificación na que entraban as embarcacións estranxeiras, e terceiros na Copa do Rey, na que so se contabilizaban os barcos españois.
O primeiro posto en ambas clasificacións foi para os irmáns Alonso, mentres que a prata na Copa do Rey foi a dos regatistas cántabros Diego Botín e Pablo Turrado, sextos na xeral.
Redacción Salnés