Chefs e sumilleres de altura para maridar vieiras e albariño

xornadas_albarino_vieira100.jpg CAMBADOS> As primeiras Xornadas Promocionais Gastronómicas celebraranse no Salón Peña os vindeiros 17 e 18 deste mes.

{flowplayer}images/salnes/xornadas_albarino_vieira.flv{/flowplayer}

Albariño e vieiras contraerán matrimonio en Cambados os vindeiros 16 e 17 de marzo. Falamos das xornadas promocionais enogratronómicas que se celebrarán esa fin de semana no salón de congresos e exposicións José Peña. Na súa organización colaboran o Concello de Cambados, a confraría de Pescadores, o Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas e a Ruta do Viño Rías Baixas, amais da Xunta e da Deputación de Pontevedra.

As xornadas inauguraranse o día 16 ás seis e media da tarde e entre as autoridades espérase contar coa presencia da conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana. O programa inclúe demostracións culinarias cos chefs Yayo Daporta, Pepe Solla e Tonino Botana e do sumiller José Aragunde. Tamén haberá charlas sobre a maridaxe de albariño e vieiras, o turismo enolóxico, ou os aromas do albariño, ademais dun taller de catas. Non faltará a música, cunha actuación o venres 16 do grupo de jazz Paco Charlín e o sábado 17 de Ballestrinque. Concertos que se acompañarán de charlas, degustación e exposición de albariños.

Durante as xornadas, algunhas adegas de Rías Baixas ofrecerán visitas guiadas e tamén hai aloxamentos que farán descontos ós asistentes. A asistencia ós dous días das xornadas custará 5 euros e a inscrición pode facerse xa na oficina de turismo de Cambados. Tamén se porán á venda, a cinco euros, entradas para asistir só ós concertos.

Redacción Salnés