O 31 de marzo inaugúrase o segundo treito da ruta Pontedra-O Salnés

caminoxacobeo.jpg SALNÉS> O camiño, coñecido como Ruta Real do Pai Sarmiento, era o antigo enlace entre a cidade do Lérez coa comarca do Salnés.

O vindeiro sábado 31 de marzo estrearase o segundo e último tramo do camiño Xacobeo que une a cidade de Pontevedra coa comarca do Salnés. O primeiro, desde a cidade do Lérez ata Meis, abríase o pasado dez de marzo cunha expedición na que participaron algúns dos impulsores desta iniciativa: Asociación de Amigos do Camiño Portugués, Deputación de Pontevedra, Mancomunidade do Salnés e a Asociación Cultural de Campañó.

Este segundo tramo do camiño partirá do Mosteiro de Armenteira para culminar, despois de catro horas de andaina e 23,6 quilómetros de distancia, na estación marítima de Vilanova. Con esta iniciativa, os seus promotores pretenden rescatar o camiño que unía Pontevedra e o Salnés antes da construción da Ponte da Barca, a coñecida como Ruta Real do Pai Sarmiento, que se remonta ó ano 1745.

Esta variante do camiño Xacobeo portugués constitúe a unión entre as rutas terrestres e marítima de peregrinaxe, polo que os seus impulsores pretenden que sirvan tamén para poñer en valor a paisaxe e monumentos que se levantan ó seu paso.

Aqueles que desexen participar na ruta deberán estar o sábado 31 de marzo ás oito e media da mañá no Mosteiro de Armenteira. De alí partirá a expedición para percorrer a Ruta da Pedra e da Auga, os Muíños de Barrantes, o sendeiro de Ribadumia, Pontearnelas ou a Ruta Valleinclaniana para rematar na rada vilanovesa, onde aqueles que queiran poderán embarcar no catamarán para participar dun xantar a bordo.

Redacción Salnés