O Noia Portus Apostoli afronta este sábado un partido vital para a permanencia

NOIA> Os noieses recibirán ás seis e cuarto da tarde no pavillón municipal ó Colo Colo de Zaragoza. Trátase dun rival directo, co que están igualados a puntos.  De levarse a vitoria aumentarían as súas opcións de salvación.

Nunha semana especialmente convulsa, trala marcha de Xuxa e Chao, xogadores ós que o Club decidiu rescindirlle o contrato, o Noia Portus Apostoli terá este sábado un partido vital de cara as súas aspiracións de manter a categoría na división de prata do fútbol sala a nivel nacional. O equipo de Marlon Velasco recibirá ás seis e cuarto da tarde no pavillón Agustín Mourís ó Colo Colo de Zaragoza. Equipo co que está igualado a puntos na parte baixa da clasificación.

Para este partido, o primeiro da segunda volta, o técnico catalán poderá contar xa con varias das novas incorporacións ó equipo. Unha delas, o peche Juan Pizarro, procedente do Jumilla Fútbol Sala, conta cunha ampla experiencia en Primeira División.

O plantel confía en poder acadar a vitoria esta fin de semana. Un encontro que agardan coa moral alta, á espera de cambiar a mala dinámica de resultados da primeira volta.

Para este partido crucial dende o Club confían tamén no respaldo da afección local. Unha afección que nunca os abandonou, pese ós malos resultados no que vai de tempada.

Así que xa o saben. Este sábado, ás seis e cuarto, a animar ó Noia Portus Apostoli na que será unha das súas primeiras finais co obxectivo de acadar a permanencia.