O Portonovo xógase media permanencia ante o Areas

SALNÉS> Vilalonga e Céltiga son os únicos equipos do Salnés que xogan esta fin de semana na casa. Os celestes reciben ó Bergantiños mentres que os da Illa xogan fronte ó Verín, no que será a estrea de Carducho no banquiño local.

Boa oportunidade para seguir sumando a que ten o Vilalonga esta fin de semana. Recibe a un Bergantiños que non sabe o que é gañar dende o 17 de outubro e que por iso ocupa postos de descenso. Iso sí, os de Carballo estrean adestrador, Javier Oreiro, polo que virán con gañas de facelo ben. Nos locais, Gabi Leis poderá contar cos recén chegados Fran Castaño e Carlos Hortal, e recupera a Suso, Miguel e Jesu, mentres que perde a Fran Matos por sanción. Leo é dúbida xa que non está recuperado das súas molestias. As últimas catro veces que o Bergantiños visitou San Pedro, os encontros saldáronse con empate.

Máis importante se cadra é o partido que disputa o Portonovo en Ponteareas ante o Cultural, un rival directo pola permanencia. Jacobo Molina alineará a todo o seu arsenal ofensivo en busca dunha victoria vital: Nel, as fichaxes Baptiste e Ferreiro, e a Óscar Guimeráns, xa recuperado. Os locais, xa sen Jorge Comesaña, saben que teñen unha oportunidade única para afundir a un rival moi tocado despois da derrota ante o Narón o pasado sábado.

Na Preferente Sur moitas das miradas esta semana estarán dirixidas ó que aconteza no Salvador Otero onde o Céltiga recibe a visita do segundo clasificado, o Verín. Con Carducho debutando no banquiño local, os da Illa saben que unha nova derrota afastaríalles definitivamente da loita polo ascenso e lles podería comprometer coa zona baixa da xeral.

Moito máis tranquilos viven en Sanxenxo. Os de Calucho, cuartos na táboa, visitan esta semana ó Gran Peña, coa intención de recuperar fóra da casa os dous puntos que deixaron escapar do Revel a semana pasada.

Na loita pola permanencia, o Arosa visitará ó Atios. Lino González non poderá contar aínda con Comesaña pero sí coa última fichaxe, Alex. O de Catoira volve á Lomba a cumprir a súa terceira etapa disposto a axudar a acadar a permanencia do equipo.

Ademais, o Cambados medirá a solidez do líder Lalín. Os de Oliveira víronse reforzados polos últimos resultados e non queren frearse agora que van lanzados cara arriba.

O Ribadumia tamén examina a súa recuperación fóra da casa, neste caso ante o Cruceiro, un equipo que leva tres partdos sen encaixar goles e, consecuentemente, tres triunfos consecutivos, o último ante o Verín e a domicilio.

Redacción Salnés