Derrotas amargas para Rasoeiro e Balonman.com

SALNÉS> Malas novas dende o balonmán porque tanto Rasoeiro como Balonman.com perderon os seus respectivos partidos. Os grovenses na pista do Tirso Molina mentres que os meañeses caeron na casa fronte ó Atletico Novás por 11 goles de diferencia.

A temporada estase a facer moi longa no balonmán. O formato de competición favorece pouco a equipos que dende hai un par de meses xa teñen o traballo feito e nada se xogan. É o caso de Rasoeiro e Balonmán.com. Os meañeses, están inmersos na fase polo título e logo de perder as opcións de ascenso están a sufrir un auténtico calvario en forma de derrotas, que veñen dadas fundamentalmente polas numersosas baixas que sufríu o plantel. Varios xogadores foron tentados por outros clubes que sí pelexan por algo e abandonaron Coirón.

Nesa testitura, Pedro Pérez tivo que tirar do filial e levar catro xogadores para o partido ante o Atlético Novás, ó que tampouco lle ía a vida neste encontro. A diferencia de calidade marcou un partido que dende o comezo dominaron os visitantes con rentas de entre dous e catro goles e que ascenderían a seis ó descanso, ó que se chegou cun marcador de 12-18.

Despois da pausa, máis do mesmo. Pouca defensa e deixar que os minutos pasaran. O Novás levouse o triunfo finalmente por 11 goles de diferencia 21-32. Pablo Novás, foi o mellor do Balonmán.com con sete tantos. Son penúltimos e a semana que ven xogan ante o Seis do Nadal, equipo que camiña sexto e ó que poderían superar na clasificación se son quen de gañar en Coia.

Sorprendente derrotado Rasoeiro que non fixoo un bo partido ante o Tirso Molina. Os de Quito Parada viaxaban sen presión a Ferrol para enfrontarse a un rival que sí se está a xogar a permanencia. Finalmente caeron por 27-24. Siguen a ser primeiros na táboa e a semana que ven despediranse dos seus en Monte da Vila ante o Deza, segundo nesta fase pola permanencia.

Redacción Salnés