O Grupo Junquera perde co Mera e complícase a vida

SALNÉS> Mala xornada para os equipos do Salnés. No derbi da Segunda Femenina o Poio caeu por 1-2 na Seca ante o Leis, mentres que o Grupo Junquera perdeu na casa ante o Mera e complícase a súa permanencia en 2ªB.

Complícase e moito a permanencia o Grupo Junquera tras perder esta fin de semana fronte ó Mera, por 1-4. É a segunda derrota consecutiva dos vilagarciáns ante un rival directo. De ter gañado ambos encontros, estarían practicamente salvados. Agora ven o descenso xusto por debaixo e manteñen un único punto de marxe. Todo debido a un dos peores partidos dos de Marcio no que vai de temporada.

O Mera levouse a victoria porque foi mellor en intensidade, actitude e acerto. Xeraron máis ocasións de gol e a victoria visitante foi merecida. Sobre todo despois de ver os primeiros dez minutos do xogo, nos que os locais, cometeron un erro tras outro en defensa para deixar que o Mera fixese tres goles no primeiro tempo e puxese moi costa arriba o partido.

As opcións do Junquera pasaban por marcar un gol no inicio do segundo tempo, para tratar de meterse no partido. E sucedeu todo o contrario, chegou o cuarto do Mera. Mediado o segundo tempo Moro, faría o da honra, para colocar o 1-4 final.

Moito vai ter que mellorar o Junquera neste treito final de temporada se é que quere acadar a permanencia. Tan só Toni e o goleador Moro salváronse da queima o sábado en Fontecarmoa. Quedan cinco xornadas por diante para tentar evitar o descenso. A seguinte parada vanna facer en Noia, un partido con sabor a derbi o sábado ás 18:00.

Na Segunda Femenina, esta fin de semana houbo derbi na Seca entre o Poio Pescamar e Leis Pontevedra. A victoria foi para o cadro visitante por 1-2 demostrando que lle ten tomada a medida esta temporada. O gol do triunfo visitante chegaría a 36 segundos para a conclusión.

Antes, o primeiro tempo foi de moito control posicional por parte de ambos conxuntos que amosaron respeto polo rival e non quixeron tomar apenas riscos. O marcador desnivelaríao Tami en favor das pontevedresas que se marcharían ó descanso mandando por 0-1.

No segundo tempo cambiou a decoración e o Poio foise decididamente a pola remontada. Levou a iniciativa e pasou a ter as mellores ocasións, incluso despois de igualar o choque por mediación de Charo. Pero cando semellaba que o partido remataría en empate, de novo Tami anotaría un tanto que lle dá ó Leis a victoria e o terceiro posto na táboa por diante do Poio que cae á cuarta posición.

Redacción Salnés