O Plan de Axuste do Grove trae consigo a suba das taxas municipais

    plan_axuste_grovecopy.jpgGROVE> O Plan inclúe 24 medidas que contribuirán, segundo o alcalde, a facer fronte ó crédito duns 812.300 euros solicitado ó goberno central.

    {flowplayer}images/salnes/PLAN_AXUSTE_GROVE.flv{/flowplayer}

    Un total de 24 medidas inclúe o Plan de Axuste presentado polo concello do Grove aprobado xa en sesión plenaria. Medidas todas elas encamiñadas a permitir que desde o goberno local poidan facer fronte ó crédito a dez anos duns 812.300 euros solicitado ó goberno central para o pago de facturas pendentes con provedores, a maior parte deles pequenas empresas do municipio.

    Entre as medidas contempladas atópase a suba das taxas municipais, coa actualización do IPC dun 2%. Porán en marcha, ademais, a recadación por imposición de multas e infraccións urbanísticas que permitirá ó concello ingresar uns quince mil euros este ano.

    Así mesmo, este Plan de Axuste inclúe medidas para a contención do gasto corrente e a amortización de varias prazas de persoal do concello a partir do 2015. Entre elas cinco prazas de auxiliar de policía local no 2017 na época estival. Con todo, o alcalde confesou que agardan que a situación económica do concello mellore e algunhas destas propostas non se teñan que levar a cabo.

    Outras moitas medidas, segundo o edil de Facenda, Juan Luis Callón, xa as comezaron a aplicar coma a actualización de tributos e taxas e o control do gasto corrente o que lles permite agora, explicou, afrontar de maneira máis eficiente este Plan de Axuste.

    A débeda do concello do Grove, do redor dos oito millóns de euros, non se vai liquidar cos 812.300 euros que se van pagar a provedores entre outras cousas polas facturas que non se puideron incluír, por valor duns catrocentos mil euros.

    Amais, o concello, segundo o rexedor local, quedará sen cobrar 195.000 euros en facturas prescritas.

    Redacción Salnés