O bipartito cambadés saca adiante o orzamento deste ano grazas ao BNG

CAMBADOS> Luz verde aos orzamentos de Cambados para este 2022. As contas roldan os 10 millóns de euros. Saíron adiante nun pleno no que, tal como estaba previsto, o BNG votou a favor. Tanto o PP como Cambados Pode criticaron o documento e a xestión ‘calamitosa’ do bipartito. O executivo, entre tanto, salientou a súa capacidade de negociación, agradecendo o apoio dos nacionalistas.

Foi un Pleno sen grandes titulares no que a nota de tensión veu da man do voceiro de Cambados Pode, que estivo a piques de ser expulsado da sala. Máis alá diso, a aprobación dos orzamentos para 2022 seguiu o guión xa anunciado. O BNG apoiou as contas do bipartito, que roldan os 10 millóns de euros. O concelleiro de economía aproveitou a ocasión para responde-las críticas do Bloque. Criticou que reclamasen máis políticas de esquerda para, finalmente, pedir máis cartos para verbenas. Os arguementos de Charlín non gustaron ao BNG que, así e todo, defendeu o seu apoio ás contas.

O PP e Pode votaron en contra. O líder desta última formación critica que o concello non optase a un máximo de 800.000 euros de fondos provinciais do ReacPon. Unha oportunidade perdida, di. Os populares, pola súa banda, entenden que estes orzamentos son a perfecta mostra de que o ciclo político do bipartito rematou.

O alcalde celebrou a aprobación das contas, salientando que houbo cesións por ambas partes, con incrementos en varias partidas. Lago tamén aproveitou para agradecer ao BNG ao seu apoio e a súa vontade de querer chegar a acordo.