Os veciños culpan ó concello de Boiro do estado de abandono do núcleo de Exipto

    BOIRO > Un grupo de veciños do lugar de Exipto, en Boiro, vén de amosar o seu malestar ante o estado de abandono no que se atopa o seu núcleo de residencia. Os afectados denuncian o lamentable aspecto que presentan os viais e beirarrúas da zona que supoñen ademais un perigo debido ós desniveis, socavóns e obstáculos existentes. Os veciños xa presentaron reclamacións no concello en repetidas ocasións pero, ate o de agora non obtiveron resposta algunha por parte da administración local.

    Entre as melloras solicitadas polos veciños de Exipto figura o acondicionamento das beirarrúas sitúadas ó longo da estrada xeral que actualmente atópanse cheas de obstáculos como poden ser postes eléctricos, desniveis ou socavóns.

    Isto supón un perigo no relativo á seguridade vial posto que é frecuente a presencia de coches estacionados indebidamente encima das beirarrúas impedindo o paso dos peóns ademais da alta densidade de tráfico pesado nesta zona.

    Así mesmo, os veciños solicitan un paso de peóns á altura da capela de Exipto e a dotación de puntos de alumeado posto que son moitas as persoas maiores de mobilidade reducida que transitan por esta estrada.

    Os residentes tamén denuncian deficiencias en materia medioambiental como a falla de contedores selectivos de residuos, obrigando ós veciños a depositar o lixo no chan. Isto únese ó mal estado no que se atopa o vertedoiro do Seán, así como a Praia do Bodión, Mañóns e Agañán.

    Neste sentido, os veciños de Exipto non están conformes co reparto dos fondos do POS 2006 da Deputación posto que, unha vez máis, non se destina nin un só euro para este núcleo.

    Por este motivo, os afectados acusan ó goberno de discriminación, favorecendo sempre os intereses dos mesmos posto que, a pesar de ter presentado escritos no concello en diversas ocasións, aínda non obtiveron contestación oficial.

    Redacción Barbanza