A ILLA> Este sábado celébrase na Illa a edición número 28 da Volta a Arousa en dornas a vela. Preto de 40 embarcacións daranse cita nesta regata, a máis emblemática do calendario, que está organizada pola Asociación Cultural e Deportiva Dorna.
Chega unha das competición máis emblemáticas de cantas se celebran na Illa de Arousa e sen dúbida a máis importante do calendario de regatas de dornas a vela, a Volta a Arousa. A diferencia do resto de competicións semellantes, nesta os participantes non teñen que completar un triángulo, navegando, senón dar unha volta enteira á Illa.
A saída, como é tradional, darase ás 16:00 do sábado dende a praia do Bao. O sentido de navegación das dornas non se elixirá ata minutos antes do inicio, dependendo da compoñente do vento.
A participación mantense invariable con respecto a pasadas edicións, xa que comparecerán en torno ás 40 embaracacións, chegadas dende as Rías de Vigo, Pontevedra e por suposto Arousa. Estarán representados entre outros Amigos da Dorna Meca, Amigos da Dorna de Portonovo e tamén o club, local, que aportará 25 embaracións. Entre as favoritas, a defensora do título, a Jalerna, tripulada por Cartarola e Ricardo. A Cariñosa, A Nécora, Pereka ou Fuxe son outras das aspirantes ó título.
Cóntase, que como noutras edicións, as primeiras dornas atravesen a liña de meta tres horas despois de tomar a saída.
Despois desta regata, as dornas deberán agardar ata o 14 de xullo para volver a competir na Rregata dos Faros, no Grove. O día 28 trasladaranse a Ribeira.
Redacción Salnés