Acevin celebrará a súa asemblea anual na capital do albariño

acevin.jpg CAMBADOS> Preto de duascentas persoas chegarán  ó municipio representando ás principais Denominacións vinícolas de España.

A solicitude realizada polo concello de Cambados foi admitida e a Asociación de Ciudades Españolas del Vino celebrará este ano a súa asemblea xeral de socios na capital do albariño. A organización deste evento suporá reunir no municipio a preto de duascentas persoas que representarán ás cidades e cabeceiras de comarca das principais denominacións de orixe vinícolas de España. Para a cita, o concello encargarase de poñer a disposición de Acevin as infraestruturas municipais, como o auditorio da Xuventude ou o salón de congresos José Peña, ademais dos medios técnicos e de deseñar unha programa de visitas turísticas e percorridos por adegas da zona que se consideren de interese para os visitantes.

Pero esta non é a única iniciativa vinícola na que está a colaborar o concello. Unha delegación da Cámara Municipal de Ponte de Lima, en Portugal, vén de achegarse a Cambados para coñecer os actos solemnes que se realizan durante as festas do albariño. En concreto, polo Capítulo Serenísimo e o nomeamento de damas e cabaleiros. E é que a localidade portuguesa quere introducir un acto semellante na súa vixésimo segunda Feira do Vinho Verde, unha festa que terá lugar entre o 15 e o 17 de xuño e ó que Cambados está convidado para participar cun stand de promoción turísitca.

Redacción Salnés