Comezan os traballos para rexistrar a vide “Folla Redonda” coma caste comercial

RIBADUMIA>  Ribadumia emprende o camiño para rexistrar a vide “Folla Redonda” como caste comercial. Unha excelente noticia para o consistorio que sinala que era un dos obxectivos dende o comezo do mandato.

O concello de Ribadumia consegue por primeira vez comezar os trámites para rexistrar a vida “Folla Redonda” como caste comercial, conseguindo por un lado un dos obxectivos de este mandato e polo outro asegurando a continuidade dun produto propio.

Os primeiros pasos para asegurar o futuro desta variedade tiveron lugar xa no 2016 co rexistro da marca; o seguinte paso veu no 2017 coa solicitude de Festa de Interese turístico de Galicia para a Festa do Viño Tinto do Salnés e Exaltación das Variedades Autóctonas, o 23 de maio de 2018 aprobouse en Pleno instar á consellería correspondente o inicio dos trámites necesarios para o citado recoñecemento.

Finalmente a Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrial Agroalimentarias comunicou ó Concello de Ribadumia o inicio dos traballos para o“Rexistro como caste comercial” do “material xenético de vide Folla Redonda”.

O procedemento, que se iniciará co ensaio sobre 15 plantas enxertadas na EVEGA, é laborioso, pero de seguro asegurará o futuro dunha variedade fundamental na comarca e dunha festa que é cita obrigada cada primeiro domingo de xuño en Ribadumia e no Salnés ano tras ano.