Cambados mantén servizos sociais, vías públicas e recorta en festas

    ORZAMENTOSCAMBADOS.jpg CAMBADOS> O goberno local presentará na vindeira sesión plenaria os orzamentos para o 2012, que ascenden a 8.296.176 euros.

    ‘Austeridade’ e ‘contención do gasto’ seguen a ser as fórmulas de referencia para a elaboración de orzamentos municipais. Tamén Cambados as tivo moi presentes á hora de estruturar as súas contas para este ano, un documento que presentarán ós grupos da corporación este xoves durante a celebración do pleno ordinario. O orzamento rolda unha cifra similar á do pasado exercicio: 8.296.176 euros. Son 42.000 euros máis que no 2011, e como naquel, o apartado ó que se destinan máis cartos é a custes de persoal (3,8 millóns de euros).

    O esquema que se seguiu foi basicamente o seguinte: facer fincapé na garantía de servizos sociais, impulsar o mantemento de vías públicas e reducir no capítulo de festexos.

    Deste xeito, o goberno local prevé aumentar en 20.000 euros a contía destinada ó Servizo de Axuda no Fogar, quedando en 150.000 para este 2012 por considerarse unha ‘axuda básica’ para moitas familias do municipio. Tamén se manterán as partidas destinadas a entidades sociais e deportivas e soben as relativas á conservación e mantemento de vías públicas, á vez que se reservan 40.000 euros para seguir traballando no Plan Xeral de Ordenación Municipal.

    No tocante ós investimentos, a obra máis destacada é a urbanización do primeiro tramo da Avenida da Pastora, para a que se destinan 46.800 euros. Por terceiro ano consecutivo o goberno cambadés mete as tesoiras no apartado de festas reducindo en cinco mil euros esta partida con respecto ó pasado ano. Quedará en 260.000.

    Entre os demais temas que completan a orde do día, os concelleiros de Cambados abordarán dúas mocións presentadas por PSOE e BNG nas que solicitan que se replantee o proxecto de instalación da estación de alta tensión en Vilariño e se poida trasladar a outro lugar afastado de núcleos de poboación.

    Redacción Salnés