O Sanxenxo afronta o seu penúltimo matchball

SALNÉS> O Vilalonga desprázase a Vigo para afrontar un partido intrascendente ante o Rápido de Bouzas, mentres que o Sanxenxo precisa dunha milagre para evitar, unha semana máis, o descenso directo. O domingo recibe ó Dorneda en Baltar de Arriba. Xornada apaixoante na Preferente Sur.

Se non sucede nada estrano, esta xornada debería ser na que se confirmase o descenso directo do Sanxenxo. Os de Piscis deberían gañar o seu partido e agardar as derrotas de Estradense, Betanzos e a derrota ou empate do As Pontes. Moitos condicionantes e poucas probabilidades de que se cumpran todos en favor do Sanxenxo.

Con todo, en Baltar de Arriba o obxectivo é rematar a temporada do mellor xeito posible e completar unha segunda volta que lles daría a salvación de ter feito o mesmo na primeira. O rival é un Dorneda que non se xoga nada e que acude coas baixas importantes de Adrián Bouzas e Quique. Despois de acadar a salvación, os de Carlos Brizzola suman dúas derrotas seguidas. Temporada excepcional dos de Oleiros que basearon a permanencia nos resultados acadados na casa, de feito fóra tan só gañaron un partido en toda a campaña. Rival propicio polo tanto para que o Sanxenxo poida sumar a cuarta xornada consecutiva sen perder.

O que nos agarda no Baltasar Pujales trátase máis dun amistoso que doutra cousa. Nin Rápido de Bouzas nin Vilalonga se están a xogar nada a estas alturas. Os vigueses xa deron saída a algúns dos seus xogadores neste treito final de temporada para aforrar gastos. Nos celestes, Gabi Leis podería darlle minutos ós menos habituais. O que lle poña máis gañas levarase os tres puntos.

Na Preferente Sur vivirase un novo capítulo na loita polo ascenso. Co Barbadás xa de líder destacado, todo se centra en ver quen ocupará a segunda praza. Por iso tanto Ribadumia como Céltiga están pendentes do que poida facer o Choco, que con máis ou menos dificultades vai sacando adiante os seus partidos e non cede puntos. Os de Redondela visitan esta semana a un Pontevedra B que loita pola permanencia. Un picazo do Choco sería importante pero máis o é que os da Illa e os da Senra sumen os tres puntos. O Céltiga xoga na casa ante o Gran Peña e vaino facer coa importante baixa de Nacho, que está sancionado. Mentres o Ribadumia ten unha saída complicada ó Javier Guimeráns, onde se enfrontará ó Cruceiro.

Máis lonxe da pelexa pero con opcións aínda de loitar pola terceira praza colócase un Arosa que recibirá a outro que se está a xogar a permanencia, o Alerta Travesas. O que máis preocupa a Lino González son de novo as baixas coas que deberá afrontar o choque. Ademais dos lesionados, esta semana únense os sancionados Josiño, Jorge Pérez e Ríos.

O Portonovo pola súa parte buscará unha maior tranquilidade na clasificación tratando de impoñerse ó Atios na casa. Os de Carlos Vila precisan superar canto antes o mazazo das goleadas sufridas nas últimas dúas semanas.

Redacción Salnés