![]()
SANXENXO> A pesar do aparatoso do accidente, non se rexistraron danos persoais graves.
{flowplayer}images/salnes/ACCIDENTE_SANXENXO_010512.flv{/flowplayer}
Un amplo dispositivo de emerxencias se mobilizou na estrada que une Sanxenxo con Pontevedra para socorrer ós implicados nun accidente de tráfico. O suceso acontecía ó fío das cinco menos cuarto da tarde a altura da praia de Nanín, pouco despois de pasar o hotel que leva este mesmo nome en dirección Pontevedra. No sinistro víronse implicados dous turismos: un Ibiza que circulaba cara Pontevedra e un Laguna que ía en sentido contrario, cara Sanxenxo.
Polo de agora aínda non están claras as causas do accidente, pero as primeiras hipóteses baralladas polos axentes que se persoaron no lugar apuntan a que o ocupante do Ibiza invadiu o sentido contrario ó quedar durmido ou despistarse, colidindo co Laguna. Este último, ó intentar esquivalo, foi contra o muro dunha das vivendas que dá a estrada, mentres que o Ibiza, probablemente coa forza do impacto, virou sobre si mesmo quedando na marxe contraria da vía e en sentido oposto ó que circulaba.
O Ibiza ía conducido por un mozo de Pontevedra que viña de practicar Kitesurf, e que tralo choque tivo que ser excarcerado polos bombeiros para poder retiralo do coche. Segundo as primeiras informacións facilitadas polos Bombeiros de Sanxenxo, o rapaz, G.A.D.C., presentaba un traumatismo nunha perna e atopábase desorientado polo impacto, pero non perdeu en ningún momento a consciencia. Foi trasladado por unha ambulancia de Urxencias Médicas cara o Hospital Domínguez de Pontevedra. No Laguna viaxaba un matrimonio de Vedra que tralo impacto saíu polo seu propio pé do vehículo e non precisaron asistencia médica.
Ata o lugar dos feitos desprazáronse dúas dotacións de Bombeiros, unha do parque comarcal do Salnés e outra de Sanxenxo. Tamén se mobilizaron varios equipos da Garda Civil, tanto de Sanxenxo coma de Pontevedra, así como á Policía Local e Atestados.
Redacción Salnés







