Conmoción nas Rías Baixas polo achado de dous cadáveres calcinados en Campo Lameiro

CAMPO LAMEIRO> Conmoción nas Rías Baixas polo achado de dous cadáveres calcinados nun coche localizado nun camiño en Campo Lameiro. A falta de confirmación oficial, todo apunta a que os corpos corresponden a unha parella que vivía en Moraña. O home era natural dese municipio e a muller, de Caldas. Aínda que non se descarta ningunha hipótese, gaña forza a posibilidade de que se trate dun crime machista. Seica o varón tiña antecedentes por violencia de xénero.

O coche foi localizado o sábado ao mediodía neste camiño forestal situado na contorna de Caneda, no concello de Campo Lameiro. Unha zona que, aínda que retirada, non está especialmente afastada dalgunhas vivendas.

Foron unhas persoas que camiñaban por alí as que alertaron dos feitos ao ver a escena do vehículo totalmente calcinado coas dúas persoas falecidas. Segundo algunhas fontes trataríase dunha parella que vivía en Moraña, el nativo dese municipio e ela, natural de Caldas. Ambos levaban varios días desaparecidos.

Con todo, fontes oficiais polo de agora evitan confirmar a súa identidade. Dende a subdelegación do goberno en Pontevedra indican que o estado no que quedaron os corpos están dificultando os labores de identificación. Explican que tardarán varios días dado o grao de deterioro no que se atopan. Así que para ter unha confirmación oficial da súa identidade haberá que recorrer ás probas de ADN.

Esta mañá, pouco antes da chegada das cámaras de Canal Rías Baixas á zona, unha unidade científica da Garda Civil traballaba na zona na recollida de algún indicio sobre os feitos.

Mentres a identificación dos corpos e a reconstrución do ocorrido continúa, non se descarta ningunha hipótese. Con todo, cada vez vai gañando máis forza a posibilidade de estarmos ante un caso de violencia machista.

Unha opción que cobraría peso se atendemos a como foron atopados os corpos: o da muller dentro do coche totalmente calcinado e o del no exterior, parcialmente queimado, segundo o relato de testemuños da zona. Ademais, o home tería varias denuncias por violencia de xénero.