O presunto autor do crime de Lordelo ingresa en prisión provisional

    INGRESOPRISIONOK.jpg CAMBADOS> Ante o xuíz, Alberto Sequenza acolleuse ó seu dereito a non declarar, polo que o maxistrado decidíu en base ás probas e testemuños.

    Alberto Sequenza, o mozo de 18 anos ó que se lle acusa de ter acabado este sábado coa vida do irmán da súa moza, David Barreiro, está a pasar as súas primeiras horas na cadea. Onte, contra ás seis e media da tarde, chegaba ó Xulgado número tres de Cambados nun vehículo da Garda Civil para prestar declaración ante o maxistrado Jorge Hernández. Antes xa o fixeran varios rapaces, todos eles menores de idade, que na tarde do sábado presenciaron a pelexa na que, supostamente, Sequenza acabou por cravarlle unha navalla no peito a Barreiro. Unha puñada que resultou letal.

    No momento no que Sequenza se presentou ante o xuíz, o mozo decidíu acollerse ó seu dereito a non declarar, polo que o maxistrado Hernández, á vista dos testemuños recollidos con anterioridade e das probas atopadas polos axentes da Policía Xudicial no lugar dos feitos, resolveu decretar o seu ingreso en prisión provisional como suposto autor dun delito de homicidio.

    A entrada na cadea de Sequenza producíase á noite, horas despois de que centos de veciños do Grove asistisen ó soterramento da vítima. David Barreiro tiña vinte anos e era o irmá da moza do seu suposto asasino. Segundo apuntan as primeiras hipóteses, o detonante da lea que o sábado rematou coa morte de Barreiro, foron unha serie de mensaxes ameazantes que presuntamente Sequenza lle estaba enviando ó xa falecido. Polo momento a investigación continúa aberta.

    Redacción Salnés