VILAXOÁN > Ás queixas e peticións destes mariñeiros contestou o director do INTECMAR, Xosé Manuel Romarís, quen asegurou compartir a preocupación dos afectados. Neste sentido, Romarís remitiuse a unha serie de axudas que serán outorgadas pola Consellería de Pesca e que previsiblemente sairán publicadas no DOGA o mércores.
As axudas pretenden contribuír a minorar as perdas da presente campaña e pola a que os bateeiros se manifestaban a primeira hora da mañá. Sobre as reivindicacións feitas á Administración, coma a do impago das taxas da seguridade social mentres dure a crise, Romarís comentou que escapa ás súas competencias.
Tampouco, dixo, son diminuíbles os tempos de análise no bioensaio. Malia este problema asegurou que se están a traballar noutras liñas para a diminución do tempo de desintoxicación do mexillón. Sobre as novidades na situación dos niveis de toxina o director do INTECMAR asegurou que as análises continúan e que, en xeral, se está a experimentar unha diminución, sendo bastante probable que ó longo da semana se comecen a abrir algunhas zonas.
Redacción Salnés