Sanxenxo prepara a segunda fase da senda entre Paxariñas e Montalvo

    SENDAPAXARINAS2.jpg SANXENXO> O tramo comprende 150 metros nos que se habilitará unha pasarela de madeira con pasamáns no mesmo material.

    O concello de Sanxenxo segue adiante co seu plan para resaltar a beleza paisaxística do seu entorno así como a riqueza ecolóxica do municipio. Por iso, logo de completar a primeira parte da senda que unirá a praia de Sagunto, no límite co concello de Poio, e a da Chanca, en Meaño, a concellería de Medio Ambiente prepara a segunda fase da actuación. Serán 150 metros de paseo entre a baixada de Paxariñas e o comezo da praia de Montalvo, un tramo no que o executivo local planea instalar unha pasarela de madeira, con pasamáns do mesmo material na marxe que dá á costa, mentres que a franxa interior se integrará no terreo.

    A nova senda contará a maiores cunha ponte para salvar un regato que discorre pola zona e terá fin na baixada natural polas dunas ata a praia de Montalvo. Estes 150 metros de traxecto sumaranse ós preto de novecentos que xa están construídos entre ambos areais, e que integrarán finalmente a senda de 27 quilómetros que se prevé acondicionar en todo o litoral sanxenxino comprendido entre os concellos de Poio e Meaño.

    Redacción Salnés