Os recortes e a reforma laboral centran o un de maio

    mobilizacionprimeiromaio.jpgBARBANZA> CC.OO, UXT e CIG conmemoraron o Día Internacional do Traballo con mobilizacións nas principais cidades galegas.

    {flowplayer}barbanza/mobilizacionsprimeiromaio.flv{/flowplayer}

    O rexeitamento á actual reforma laboral e os importantes recortes sociais anunciados polo Goberno centraron sen dúbida este primeiro de maio, Día Internacional do Traballo. A actual situación económica e as altas cifras de desempregados, que acadan máximos históricos próximos ós seis millóns de parados, son as principais razóns para saír á rúa.

    CC.OO/UXT

    A primeira das mobilizacións, a convocada de xeito conxunto por CC.OO e UXT iniciouse ás once e media da mañá cunha concentración na praza do concello, para posteriormente percorrer diferentes rúas da localidade. Había uns 20 anos que estas dúas organizacións sindicais non organizaban de xeito conxunto unha mobilización para conmemorar este primeiro de maio no Barbanza. Segundo os seus delegados comarcais atopámonos nuns momentos críticos, nos que é necesario protestar, pois están a acabar cos dereitos históricos conquistados pola clase traballadora.

    Mobilización CIG

    Por outra banda e como vén sendo costume nos últimos anos, a delegación comarcal da CIG no Barbanza volveu a escoller Ribeira para conmemorar este primeiro de Maio. Na marcha, que partiu ás doce da mañá dende as inmediacións do mercado municipal, para percorrer posteriormente diferentes rúas da localidade, participaron unhas 200 persoas, maioritariamente afliliados e simpatizantes desta organización sindical. Baixo o lema ‘Por un emprego digno, non á reforma laboral do PPl’ os manifestantes avogaron pola mellora dos dereitos e prestacións dos traballadores, reclamando ó mesmo tempo outro tipo de reformas que veñan a reactivar a economía actual.

    Redacción Barbanza