![]()
SALNÉS> Con todo decidido na Terceira, o foco de atención trasládase á Preferente Sur. Un encontro destaca sobre o resto, o que enfrontará a Ribadumia e Arosa. Do que aconteza na Senra estará moi pendente o Céltiga, que xoga no Barco.
Xornada vibrante na Preferente Sur da que destaca sobre o resto encontro entre Ribadumia e Arosa. Xóganse moito máis os locais que arrancan con este unha xeira de catro partidos, os últimos catro de liga, no que se enfrontarán a tódolos primeiros clasificados, agás o Choco. Tras este irán a Barbadás, recibirán ó Céltiga e finalizarán a liga no campo do Pontellas. Na Senra no único no que se pensa é en gañar os catro e para iso céntranse en sacar adiante o primeiro, ante un Arosa que segundo o seu técnico, Lino González, non irá de paseo a Ribadumia. Os vilagarciáns queren rematar a temporada do mellor xeito posible, tanto na liga como na Copa. O seu calendario final tamén é duro, polo que poderían actuar como xuíces da liga no ascenso.
No aspecto meramente futbolístico, agárdase un Ribadumia que leve a iniciativa ante un Arosa que buscará as contras e a inspiracións dos seus homes de ataque. Con esas armas, defensa e contraataque, leváronse os de Pablo Vázquez o triunfo da Lomba na ida, por 0-1. Ademais das coñecidas baixas por lesión, esta semana no bando local únese a sanción imposta a Miguel Cobas, mentres que no Arosa non estará Miguelín.
No Céltiga o que non poderá axudar ó seu equipo é o lateral Janeiro, unha das pezas clave no esquema de Manuel Núñez, que sen embargo recupera a Nacho no centro do campo. Despois do picazo do Choco na última xornada os da Illa saben que xa dependen de sí mesmos neste treito final de liga que será tamén moi exixente para eles con choques ante rivais directos. Visita complicada a desta semana ó campo do Barco, que aínda que xa non se xoga nada, demostrou ser un conxunto moi difícil de batir durante toda a temporada.
Tampouco se xoga demasiado o Portonovo, que aínda así busca facer o maior número de puntos posible para non levarse un susto de última hora coa cascada de Terceira. O conxunto de Carlos Vila desprázase a Verín. O seu rival está a xogar tamén polo mesmo, pola tranquilidade.
Redacción Salnés






