640.000 crías de ameixa para rexenerar os areis de Vilanova

    fotosementecopia.jpgVILANOVA> Con estas labores as mariscadoras pretenden rexenerar os seus bancos marisqueiros e garantir a produtividade futura.

    {flowplayer}images/salnes/SementeiraAmeixa230512.flv{/flowplayer}

    As asociacións de mariscadoras amósanse cada vez máis preocupadas pola produtividade dos seus bancos marisqueiros. Coa caída dos prezos do marisco, que nos últimos meses notaron e moito a crise, as mariscadoras traballan para polo menos garantir que haxa cantidade de ameixa para que o seu sustento non se vexa aínda máis prexudicado nun futuro.

    Limpar o terreo, sacar as algas, e preparalo para sementar estas 640.000 crías. Ameixa cun tamaño que se atopa entre os dezaoito e os vinte milímetros e que en aproximadamente dez meses terá o tamaño preciso para poder ser comercializado. Seméntano nun espazo determinado, neste caso nun cadrado de 25 por 25 metros.

    Unha vez sementado, este viveiro queda pechado, e moi vixiado, para evitar os ataques dos furtivos. O biólogo encargarase entón de ir facendo os controis necesarios para ver en que momento será preciso rarealo, é dicir trasladalo a unha zona máis ampla. Pois a medida que medra precisará máis espazo para sobrevivir.

    Ademais deste novo viveiro co que están a traballar, fai mes e medio levaron a cabo este outro, neste caso con ameixa moito máis pequena, de aí que sexa preciso cubrilo cunha rede para evitar ós depredadores. Esta é a primeira vez que esta asociación decide sementar cría tan pequena, duns nove milímetros.

    Carreira de fondo a que están a levar a cabo as mariscadoras de Vilanova, que co seu traballo e coa súa aportación económica tamén, agardan mellorar a produtividade dos seus bancos e asegurar as campañas futuras.

    Redacción Salnés