Dous anos de cadea por ‘trapichear’ nas inmediacións de Zoo

    condenazoo100.jpg PONTEVEDRA> A Audiencia considera probado que V.M.G.C. traficaba con drogas nos arredores da discoteca portonovesa cando foi detido o 22 de abril de 2011.

    O tribunal da Sección cuarta da Audiencia de Pontevedra considera probado que o 22 de abril do ano pasado, Víctor Manuel G.C., ourensán de 23 anos, se atopaba nas inmediacións da discoteca Zoo de Portonovo vendendo droga a pequena escala. Segundo o escrito da sentenza, as probas así o avalan. Relátase no documento que cando o mozo foi detido aquela noite pola Garda Civil, os axentes requisáronlle unha carteira de man con once envoltorios que contiñan cocaína por un valor de 205 euros no mercado, e que nun posterior rexistro en dependencias policiais lle atoparon escondidos na roupa interior outros catros envoltorios con éxtase, máis oitenta euros en metálico.

    Durante o xuízo, tanto Víctor Manuel como o outro imputado, Dositeo O.G., vigués de 24 anos, alegaron que a droga era para consumir eles xunto a outros tres amigos. Na sentenza, os maxistrados desbotan esta posibilidade á luz da cantidade de substancias estupefacientes que se lle requisaron ó principal acusado e porque o caso non reúne as condicións sentadas polo Tribunal Supremo para que o delito quede impune por considerarse consumo compartido. Estes criterios serían que a toma de drogas se realizase nun lugar pechado, que sexan pequenas doses para consumo inmediato e que a toma das substancias se faga como ‘acto esporádico e íntimo’. ‘Sen transcendencia socia’. Criterios todos eles que, a xuízo dos maxistrados, non se cumpren neste caso.

    É por iso que condenan a Víctor Manuel a dous anos de cadea e unha multa de setecentos euros por un delito contra a saúde pública por tráfico de drogas tóxicas. Tamén o inhabilitan para poder votar durante o tempo da pena e deberá pagar a metade das costas do xuízo. En relación ó outro imputado, o vigués de 24 anos, o Tribunal decidiu absolvelo ó non atopar probas suficientes para declaralo culpable. Recollen na sentenza que a única vinculación co caso é a súa propia declaración no momento da detención de Víctor Manuel, alegando que a droga era dos dous. Pero segundo relataron os axentes da garda Civil, no rexistro realizado ó mozo non lle atoparon nin droga nin unha suma de cartos que fixeran sospeitar da súa participación no delito.

    Contra esta sentenza cabe recurso de casación ante a Sala Segunda do Tribunal Supremo, recurso que se deberá presentar nos cinco días seguintes á súa notificación.

    Redacción Salnés