Boiro contará cunha liña de autobuses ó Hospital do Barbanza

    BOIRO> O concello de Boiro contará cunha liña de autobuses directa ó hospital do Barbanza. A empresa Ramón Outeiral será a encargada de prestar este servizo que inclúe numerosas paradas ó longo do termo municipal. A finais de marzo estará en marcha a nova liña de transporte directo entre o concello de Boiro e o hospital do Barbanza, un servizo moi demandando froito dun longo proceso de xestións desenvolvidas polo goberno municipal. A tramitación para a consecución desta liña iniciouse xa en novembro de 2012 cando o alcalde solicitou a autorización deste servizo á Dirección Xeral de Mobilidade. Dende aquela, o executivo realizou un estudo pormenorizado sobre os custos e a viabilidade deste novo servizo que, ademais de aforrar tempo ós potenciais usuarios do hospital, suporía unha diminución do absentismo laboral ó favorecer os desprazamentos para acudir ás consultas médicas. O servizo de transporte comezará a funcionar o próximo 27 de marzo a cargo da empresa Ramón Outeiral. En principio funcionará en horario de mañá e tarde de luns a venres. Sábados, domingos e festivos haberá tan só servizo de tarde aínda que o concello non descarta amplíalo nun futuro. Ademais das paradas na praza de Galicia e na Cachada, a liña de autobuses recollerá tamén pasaxeiros en Goiáns, na Magdalena, Escarabote, a Ribeiriña e o polígono da Tomada. Coa posta en marcha deste servizo, froito dun longo proceso administrativo, o concello dá cumprimento a un dos compromisos adquiridos ó inicio da lexislatura, achegando os recursos asistenciais á cidadanía. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/02febreiro/26/novalinaautobusboirohospital2602151.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/02febreiro/26/novalinaautobusboirohospital260215.mp4{/flowplayer}