Os presupostos da Pobra ascenden a 8’4 millóns de euros

    presupostospobra2012.jpgPOBRA> O executivo pobrense presentou esta mañá o documento orzamentario para este ano 2012, que será levado mañá xoves a pleno para a súa aprobación inicial.

    {flowplayer}barbanza/presupostospobra2012.flv{/flowplayer}

    O orzamento do concello da Pobra para este ano 2012 ascende, en canto á previsión de ingresos, a 8’4 millóns de euros, e o de gastos a 7’4, polo que o resultado final, ó remate do ano daría un superavit de algo máis dun millón de euros. Entre os obxectivos marcados polo equipo de goberno con esta proposta de gastos e ingresos figuran a mellora dos servizos públicos, a realización de novos investimentos en cultura, servizos sociais, medio ambiente e infraestruturas, así como avanzar cara o saneamento financieiro, a través dun control estrito do gasto corrente.

    Gastos

    No capítulo de gastos, os máis cuantiosos agrúpanse nos de persoal que ascenden a 2’7 millóns de euros, o que supón un descenso do 37’52% con respecto ó ano anterior debido á amortización dunha serie de prazas que se atopaban vacantes ou que quedaron vacantes durante o pasado ano 2011, así como as previstas por xubilación para o presente exercicio e que non serán cubertas, dúas prazas de administrativo e outra na policía local. Os gastos en bens correntes e servizos ascende a 2’1 millóns de euros, xa que se recollen nel varios créditos por importe de máis de 338 mil euros para diversos gastos pendentes de aplicación que se financian a través da operación de préstamo para o pago a provedores.

    Investimentos

    A contía destinada a investimentos ascende a 1’8 millóns de euros, o que supón o 24’44% do orzamento total, converténdose no segundo capítulo, despois dos gastos de persoal, ó que se lle dedica un maior volume de recursos. Inclúense partidas partidas para a rehabilitación do Cine Elma, a instalación da rede de sumidoiros na rúa Luís Seoane ou o acondicionamento do vial travesía da Baiuca, entre outras. Dende o equipo de goberno tamén destacaron outros investimentos procedentes doutras administracións e que serán executados no presente ano 2012 que ascenden no seu total a 7’3 millóns de euros, con obras tan importantes como a ampliación da Tomada en 4’7 millóns de euros, a rexeneración das Xunqueiras, un millón de euros, ou diversas obras no peirao comercial e ampliación da lonxa por valor de preto de 1’5 millóns de euros.

    Preto dos catro millóns de euros

    A débeda viva a día de hoxe do concello ascende ata os 3’8 millóns de euros, na súa ampla maioría con entidades financieiras, situándose o volume de endebedamento nun 86’54%, moi por debaixo do 110% que permite a lei.

    Redacción Barbanza