Nace a Plataforma de Afectados polas Preferentes do Salnés

    preferentesplat copia.jpg VILALONGA> Organizarán a comarca en tres áreas, cada unha delas dependente dunha delegación de cabeceira.

    {flowplayer}images/salnes/PLATAFORMA_PREFERENTES_040612.flv{/flowplayer}

    O vindeiro sábado terá lugar a primeira asemblea da Plataforma de Afectados polas Preferentes do Salnés. Será no Auditorio Emilia Pardo Bazán de Sanxenxo. A entidade nace coa intención de xuntar esforzos e englobar ás diferentes asociacións que se foron constituíndo nos últimos meses a nivel local. A organización será sinxela: dividirase a comarca en tres áreas de xestión dependentes cada unha dunha delegación de cabeceira.

    A pesar das mobilizacións que levan feito xa ata agora, desde a Plataforma non se arriscan a apuntar unha estimación das persoas que se poderían ter os seus aforros investidos nestes produtos. Só na zona de Sanxenxo-Meaño hai identificados máis de corenta prexudicados.

    Moitos deles estiveron esta fin de semana na multitudinaria manifestación que se celebrou na Coruña, na que milleiros de galegos pediron solucións para recuperar os seus aforros. Calquera que sexa a cidade, as reivindicacións son as mesmas: que lles devolvan uns cartos, que insisten, son seus.

    Aseguran que de pouco lles valen as medidas de arbitraxe que propoñen desde a Xunta, e aínda que valoran as iniciativas que se están a levar a cabo desde a Fiscalía Superior de Galicia, insisten en que a determinación para atopar unha solución é, sobre todo, política.

    Mentres, aseguran que seguiran coas mobilizacións. Desde a Plataforma do Salnés prevén realizar protestas semanais ou quincenais nos distintos concellos da comarca. A primeira, este venres na Illa. Insisten en que a súa única vontade é reclamar pacificamente o que é seu, pero de seguir a tensión, non descartan medidas máis serias.

    Desde a plataforma do Salnés xa habilitaron un enderezo de correo electrónico para que todo aquel que precise información ou recorrer a eles poidan facelo. É plataformasalnes@hotmail.es.

    Redacción Salnés