Barrantes recibiu 30.000 visitantes e vendeu 15.000 botellas de tinto

    tinto2012 copia.jpgRIBADUMIA> Os caldos de Alberto Rodríguez e Marta Vázquez foron os elixidos na cata final da Festa do Viño Tinto do Salnés, …

    {flowplayer}images/salnes/FESTA_TINTO_2012.flv{/flowplayer}

    … celebrada este sábado na carballeira de Barrantes, en Ribadumia.

    En total saíron elixidos seis tintos de Barrantes e outros seis viños autóctonos. Alberto Rodríguez, de Barrantes recibiu o primeiro premio na modalidade tinto Barrantes, mentres que Marta Vázquez, veciña de Leiro, impúxose entre os colleiteiros de autóctono. Os premios recibíronos tralo banquete de confraternidade no que participaron máis de 500 persoas.

    Foi o colofón á xornada do sábado que se iniciou co tradicional paseo de autoridades desde o Concello ata a Carballeira, entre as que estivo a ministra de Fomento, Ana Pastor, o conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, o presidente da Deputación, Rafael Louzán, e varios alcaldes da comarca, encabezados pola anfitriona Salomé Peña.

    Outros protagonistas foron os novos valedores da Honorable Orde do Tinto do Salnés. A primeira en xurar foi María Teresa Cuíñas, unha das promotoras da Festa. Seguíronlle o adegueiro Juan Emilio Serantes, polo seu interese polas variedades autóctonas, e o xornalista irlandés Adrian McManus, por divulgar estes caldos. Tamén xuraron a edil de Cultura de Ribadumia, Susana Fandiño, e o alcalde de Meaño e deputado provincial Jorge Domínguez.

    Amais, a partir desta edición o Tinto do Salnés terá como embaixador a Floreano, a personaxe creada polo debuxante grovense Gogue. Outro que tamén ensalzou o tinto do Salnés foi o pregoeiro, o actor Federico Pérez.

    A Festa do Tinto cumpriu 40 edicións. E segundo o balance do Concello, desde o venres, e ata primeiras horas da madrugada do luns, preto de 30.000 persoas pasaron polo municipio. No que respecta á venta de viño, despacháronse aproximadamente 15.000 botellas.

    O domingo, entregáronse os premios do primeiro concurso de comic da Festa do Tinto, que gañou Manuel Abal Mosteiro. E ademais celebrouse o Festival de Bandas. Nesta ocasión actuaron a Agrupación Músico Cultural de Ribadumia, a Banda Municipal de Ribadumia e a Banda de Música de Salceda.

    Redacción Salnés