O Ribadumia cae co Coruxo na final da Copa Deputación

futbol250_010609.jpgCANGAS> Na final da Copa Deputación o Ribadumia non puido dar a sorpresa. Foi quen de irse con vantaxe ó descanso, pero na segunda metade o Coruxo remontou. Unha derrota que non empaña a gran temporada feita polos de Ricardo.

O Ribadumia quedouse ás portas do título. O Coruxo arrebatoulle o soño da Copa nun partido, que como soe ser habitual nas finais, careceu de bo fútbol e ocasións, aínda que goles si os houbo (3-1).

Tras uns primeiros minutos de tanteo foi o Coruxo o que comezou a levar o peso do encontro, intentando mover con velocidade a pelota ante un Ribadumia ben posicionado sobre o céspede do Morrazo e animado en todo momento polos centos de afeccionados que se desprazaron dende o Salnés para apoialos.

Non houbo ocasións claras, apenas sustos, ata o minuto 40. Suso tocou en longo para a carreira de Berto, que orientou o coiro coa testa para fusilar a Cortegoso e poñer o 1-0 no marcador. Durante case media hora a victoria aurinegra semellou posible.

Pero no 50′ o home da final facía a súa primeira aparición. Mouriño internábase pola esquerda e poñía un balón ó segundo pau que rematou en boca de gol Richi. As chegadas do Ribadumia foron cada vez facéndose menos perigosas, ante un Coruxo que pasou a manexar por completo o ritmo do encontro.

Mediada a segunda metade a superioridade faríase tamén numérica, cando Sabarís tíñase que ir á rúa por ver o segundo amarelo. O mazazo chegou xusto nesa xogada. Quedáronse con dez e recibiron o segundo gol; Mouriño executaba o libre directo de xeito maxistral.

De ahí ó fina. foi un quero e non podo dos de Ricardo que recibiron o terceiro a pouco para o remate, de novo obra de Mouriño.

O Presidente Provincial, Rafael Louzán, e o deputado de Deportes, José Enrique Sotelo fixeron entrega dos trofeos de campión e subcampión ós capitáns dos respectivos equipos.

Esta derrota non pode empañar unhha excelente temporada do Ribadumia que estivo por enriba do agardado. Non só meteuse na final da Copa senón que foi quen de rematar sexto nunha Preferente moi dura.

Redacción Salnés