Amegrove, segundo no galego, accede ó nacional

SALNÉS> Cumpríronse tódolos pronósticos e Tirán fíxose co Campionato Galego de Traíñas. Os moañeses superaron en liña de meta a Amegrove, que coa súa segunda praza acadou o pase ó nacional da fin de semana que ven. Cabo da Cruz e Mecos tamén raiaron a gran nivel.

Non houbo sorpresas e Tirán alzouse co título de campión galego de traíñas coa autoridade que se lle presupoñía. Os moañeses demostraron por qué son un dos equipos máis en forma da ACT e dende o primeiro longo colocáronse en cabeza para ir abrindo oco progresivamente e facerse co triunfo con moita autoridade.

Ninguén podía discutir o papel de favorito de Tirán pero outra cousa era o subcampionato. A segunda praza daba acceso ó Campionato de España que se celebra en Pedreña os vindeiros 7 e 8 de agosto. E ese posto será para Amegrove, que entrou a 13 segundos do campión. Os de Porto Meloxo fixeron un excelente arranque deixando atrás a Meira. Pagaron o esforzo no último longo pero aguataron ata o final para obter o seu premio. Samertolameu entrou a algo máis dun segundo. Lonxe de todos eles estivo a anfitriona, Chapela, que decepcionou ante a súa afección.

Visto o nivel da primeira quenda, a segunda semellaba que sería un trámite. Pero xurdíu un animador inesperado. Cabo da Cruz completou unha regata expléndida, mirando o crono que marcara Amegrove e quedándose finalmente a tan só dous segundos do subcampionato. Os boireses tiveron que conformarse coa cuarta praza final pero deixaron moi boas sensacións.

Como tamén o fixo Mecos, quinto, máis lonxe en tempos pero mandando un aviso a Náutico e Chapela de cara á liga, xa que superaron a ambas.

A Revenida de Vilaxoán, mermada pola baixas, foi oitava e última, aínda que para eles o triunfo xa era estar entre as mellores neste Campionato Galego.

Redacción Salnés