A estatua de Fraga será sufragada polo sector vitivinícola

    CAMBADOS> O sector do viño sufragará o custe da estatua de Manuel Fraga, encargada a Lucas Míguez, que se vai a colocar en Cambados.

    {flowplayer}images/salnes/homenaxe_fraga.flv{/flowplayer}

    Varios adegueiros, viticultores e outras persoas vencelladas ó sector vitivinícola acordaron xuntar cartos para que o ex-Presidente de Xunta teña un recordo permanente na Vila do Albariño. O motivo desta homenaxe ó que fora durante 42 anos Gran Mestre do Capítulo Serenísimo non é outro que a importante labor de promoción e difusión deste viño das Rías Baixas.

    Amais Fraga foi un dos iniciadores da Festa do Albariño e tamén da recuperación do Pazo de Bazán desde os seus tempos no Ministerio de Turismo. Esta labor fixo merecente ó histórico político de tódalas distincións honoríficas desta festa; como a Primeira Folla de Ouro do Albariño, Primeiro Catador de Honra, Medalla de Ouro de Cambados, e primeiro cabaleiro do Capítulo Serenísimo do Albariño. Os cartos sobrantes desta recadación, se os houbese, serán destinados a obras benéficas.

     As reaccións contrarias a esta homenaxe non se fixeron agardar e plataforma Cambados TK convocou unha manifestación para o próximo sábado día nove, cunha manifestación na Praza do Concello, ás oito e media da tarde. Este acto de protesta será desconvocado mañá oficialmente ó non ter permiso por parte da subdelegación do goberno, quen argumentou que a petición escrita non estaba dentro do prazo estipulado por lei. Un punto que negan os convocantes ó entender que si se argumentaba a urxencia desta petición. É mais, están estrañados que a denegación da petición da manifestación se asinará dous minutos despois da entrada en rexistro da petición de permiso; ó que indica, para os organizadores da protesta, que non lles deu tempo nin a léela.

     Esta manifestación xa contaba con máis de 400 adheridos, entre eles o BNG, Asamblea Nacionalista do Salnés, as Xuventudes Socialistas e o Encontro Irmandiño. A súa negativa xira en torno á traxectoria política que tivo a súa orixe na época franquista do homenaxeado. Argumentan tamén a decisión saíu adiante unicamente a proposta do Partido Popular, sen ter en conta ós grupos da oposición.Critican amais que nestes tempos de recortes sociais se invistan os cartos na creación dunha estatua.

    Redacción Salnés