Madrid e Celta golean. Barça e Río decepcionan

VILAGARCÍA> Arrancou a Arousa Fútbol 7 en Vilagarcía. Dezaseis equipos buscan esta fin de semana levarse un trofeo cada vez máis codiciado pola calidade dos conxuntos participantes. Na primeira xornada, destacou a derrota da Selección de Río de Janeiro ante o Lalín.

Celta e Pabellón foron os equipos encargados de xogar o encontro inaugural da edición número 17 da Arousa Fútbol 7. Nese derbi galego, impúxose o cadro vigués, o favorito, que gañou con autoridade por 4-1.

Sen dúbida o encontro máis bonito e interesante foi o que enfrontou ó actual campión, o Inter de Milán, co Sevilla. O conxunto andaluz dominou no marcador durante boa parte do partido, pero finalmente os italianoS foron quen de igualar (2-2). O colexiado tivo traballo dabondo neste choque no que ambos conxuntoS empregáronse con moita agresividade.

A primeira decepción do torneo chegou a cargo do Barça que non pasou do empate co Oporto (1-1). Un resultado que podería complicar a clasificación para os cuartos de final dos culés, que xogaranse as súas opcións mañá no clásico ante o Madrid, ás 11: 55. Pola súa parte, o cadro merengue non deu opción ó Montañeros ó que superou por un claro 4-0.

Se o Real Madrid é sempre un candidato ó título, o que amosou moi boas maneiras foi o Atlético de Madrid, que superou ó Depor por 2-0, dando boa mostra da súa fortaleza física e da calidade do seus xogadores.

A gran decepción correu a cargo da Selección de Río de Janeiro. As dúbidas sobre o nivel dos brasileiros quedoaron disipadas esta mañá. Moito terán que cambiar as cousas se é que queren estar entre os mellores do torneo. Pese a dominar e ter máis ocasións que o Lalín, os do Deza fixeron unha gran labor defensiva e aproveitaron a ocasión da que dispuxeron para gañar pola mínima, 0-1.

Mesmo resultado deuse entre dous ex campións do torneo. O Español superou ó Paris Saint Germain, facnedo moi bo xogo e presentando deste xeito a súa candidatura ó título.

Redacción Salnés