O Portonovo deixa sen opcións de ascenso ó Arousa

derbi250_190410.jpgSANXENXO> Na Preferente Sur había un partido que chamaba a atención por enriba do resto, o derbi de Baltar entre Portonovo e Arousa. Gañou o cadro local, por 1-0 polo que continúan na segunda posición da xeral e alonxan definitivamente do ascenso ó Arousa.

{flowplayer}images/salnes/derbi_190410.flv{/flowplayer} 

Non foi un partido bonito, pero é que os derbis non se caracterizan por iso e máis se hai tanto en xogo como o había onte en Baltar. Pouco quixeron arriscar os dous adestradores no plantexamento inicial, se ben o Portonovo foi o primeiro en achegarse á portería rival por aquelo de que actuaba como local. Foi nun lanzamento de Fiti que se foi alto.

Pouco despois, na outra área, Álex desbordaba ó seu par, pero o centro non atopaba rematador. A réplica volveuna a poñer Fiti, que nos primeiros minutos creou moito perigo pola banda esquerda. Gran centro de Óscar Guimeráns, e a súa volea vaise fóra por pouco.

O único tanto do encontro chegaría á media hora nunha xogada de pillería e sorte. A falta sácaa Nacho con velocidade sobre Ero. O disparo do atacante portonovés petou en Turu, despistou a Kiko e foise directo a portería. Só unha acción deste estilo podía desequilibrar a balanza dun partido que se estaba a xogar no mediocampo.

Foi entón, na recta final da primeira parte, cando chegaron as mellores ocasións do Arousa. Camiño cedeu a Pablo e este non puido superar a Velay, que estivo moi acertado para sacar un balón que ía envelenado. Pouco despois nada puido facer ante un disparo de Camiño dende a frontal do área. Nesta ocasión quen salvou ós portonoveses foi o pau.

Así morrería a primeira metade, que víu tamén un achegamento do Portonovo nun disparo alto de Turu.

A segunda parte careceu completamente de futbol. Rial quixo parar o partido, e acadouno. Ricardo puxo sobre o céspede a todo o seu arsenal ofensivo pero o gol non chegou. A única ocasión clara estivo de novo nos pés de Camiño, pero outra vez volveuse a atopar cun inspiradísimo Velay.

Os minutos foron pasando sen que nada relevante acontecese. Os tres puntos quedáronse na casa e o Portonovo continúa segundo. Todos os da cabeza gañaron polo que a xornada foi moi negativa para un Arousa que se queda a sete puntos do segundo posto e sen apenas opcións de ascenso.

Redacción Salnés