Deporte e solidariedade irán da man no Torneo de Fútbol-8 da Pobra

POBRA> Todo o recadado no campionato, que se desenvolverá os días 26 e 27 de maio, irá a parar á Asociación Española contra o Cancro. O estadio da Alta será escenario os días 26 e 27 de maio do primeiro Torneo Solidario Fútbol-8 Concello da Pobra do Caramiñal para categorías benxamín e alevín. O cartel de equipos para a cita xa está practicamente cuberto, preto dos cincuenta, sumando as dúas categorías. Entre os clubs confirmados, moitos de renome, como poden ser o Porto de Portugal, o Rayo Vallecano, o Sporting de Gijón, o Valladolid, o Sestao, o Barakaldo ou o Deportivo da Coruña e o Celta. Tamén se contará coa participación de boa parte dos equipos da comarca e tamén do resto de Galicia. Á fronte da organización deste torneo solidario, Julio Mariño, gran coñecedor e amante do mundo do fútbol base, con ampla experiencia á hora de organizar este tipo de eventos. Del foi a idea de celebrar este torneo e del partiu tamén a idea de darlle un fin solidario. Tódolos beneficios que se obteñan irán destinados á Asociación Española Contra o Cancro. Na iniciativa Mariño logrou involucrar tamén ó xogador ribeirense Adrián Armental, actualmente nas filas do Racing de Ferrol na 2ª B. El será o padriño do torneo. Dende a organización quixeron destacar o boa acollida que está a ter o evento, especialmente nas empresas e negocios hostaleiros que colaboran con el. Tamén agradecen a colaboración do concello da Pobra, a Federación Galega de Fútbol e a Secretaría Xeral para o Deporte.