RIBADUMIA> Tralo susto de Meis, agora tocoulle a Ribadumia, onde un artefacto estoupaba de madrugada causando danos materiais.
{flowplayer}images/salnes/AtaquePPRibadumia.flv{/flowplayer}
Nos máis de dez anos que esta sede leva ocupando este baixo no número sete da avenida de Ribadumia, nunca antes sucedera nada similar. Por sorte na planta superior non houbo que lamentar danos.
O ataque prodúcese cando se acaba de cumprir un mes do artefacto explosivo que se puxera na sede do Partido Popular de Meis. Artefacto máis profesional que este pero que naquel caso non chegou a estoupar.
Polo de agora, debido á pouca entidade do artefacto, algunhas hipóteses apuntan a que podería non gardar relación co ataque de Meis. Malia todo, dous actos tan similares en tan pouco espazo de tempo tamén fan desconfiar.
No momento dos feitos trasladáronse ata o lugar efectivos da Garda Civil, para recoller as probas pertinentes e comezar a investigación, tratando de atopar ós culpables e de esclarecer se ambos ataques puideran estar relacionados. Tamén se achegou ata o lugar a alcaldesa de Ribadumia, Salomé Peña, quen pediu máis vixilancia para estas sedes que como ela mesma recoñeceu non teñen especiais medidas de seguridade por non ter acontecido ata o de agora incidentes similares.
Ó longo da mañá, o Partido Popular de Ribadumia recibiu tamén as mensaxes de apoio do resto dos grupos políticos do Concello que amosaron o seu total rexeitamento ós ataques. Ata o lugar dos feitos trasladouse tamén o Conselleiro de Presidencia para amosar o seu apoio ó PP de Ribadumia.
Polo de agora, non se estudou aínda a posibilidade de trasladar a sede do partido a outro emprazamento, como si ocorrera coa de Meis. O PP de Ribadumia asegurou non ter coñecemento de que os propietarios teñan pensado solicitarlle o cambio de local, pero tamén dixo que no caso de ser así, non porán problemas para trasladarse.
Redacción Salnés